Paco Garabal regresa ao Coto Ferreiro para dirixir ao A Estrada Futsal sénior
O que fora xogador de Reale e América Archi asegura "non renunciar a nada" na liga  

paco garabal

Paco Garabal foi xogador de Reale e América Archi, entre outros.

     Fumata branca no A Estrada Futsal para a próxima tempada. Os responsables do conxunto da Terceira División Nacional anunciaron onte a incorporación de Paco Garabal como máximo responsable técnico do equipo sénior masculino. No comunicado do cadro do Coto Ferreiro recordouse que Garabal "é unha persoa moi coñecida no fútbol sala estradense, xa que como xogador militou no Lobelle de Santiago, no Reale Seguros da Estrada e, tamén, no América Archi". Ademais, Garabal regresa á que foi a súa casa deportiva logo de encargarse das categorías de base do Cluny de Santiago de Compostela. Co si de Garabal á oferta do A Estrada, complétase o organigrama definitivo do cadro técnico para a próxima campaña.

   Pola súa banda, Paco Garabal recordaba onte os seus anos na Estrada para xustificar a súa aceptación deste novo reto deportivo dicindo que "estiven moi contento na Estrada durante varios anos, e cando mo ofreceron agora a verdade é que si me chamou volver". De todos os xeitos, o xa novo adestrador do A Estrada Futsal tamén recoñeceu estar afastado da actualidade do fútbol sala galego nos últimos tempos, aínda que sen desconectar. "Por razóns laborais e persoais estiven algo apartado do que é a competición, pero seguía ao A Estrada Futsal por compañeiros. Ademais, coas redes sociais é fácil poder seguilos, así que sempre que puiden fixábame na súa traxectoria dentro das distintas competicións nas que participaron", explicou Paco Garabal.

    No estrictamente deportivo, e preguntado sobre si a súa chegada supoñerá unha revolución no vestiario dos do Coto Ferreiro, Paco Garabal indicou que "nas últimas tempadas fixérono xenial, así que non hai que cambiar moita cousa. O que pasa é que o primeiro que falamos entre a directiva e eu é que había xogadores que non van estar porque deciden deixalo tanto por razóns laborais como académicas. Algo haberá que traer en lugar deses xogadores." En calquera caso, o novo adestrador ten claro cal é a política a seguir no club: "A idea é a de sempre na Estrada, é dicir, traballar con xente a poder ser da zona e seguir con esa liña que tan bo resultado deu sempre".

   Garabal tamén adiantou a súa intención de poder iniciar a pretempada nun tempo prudencial manifestando que aínda non me dixeron as datas exactas do comezo da liga, pero o ideal é facer unha pretempada como mínimo de catro semanas. Supoño que o día 20 de agosto, que é luns, empezaremos para ter un mes ou un mes e pouco de pretempada". E en canto á súa meta como novo técnico dos da Estrada desvelou que "a directiva díxome que o obxectivo é salvarse e manter a categoría. O que pasa é que logo de catro anos sendo segundos, intentaremos estar o máis arriba posible, sen renunciar a nada".

   Catro ex da casa no 'staff' técnico

   A volta de Paco Garabal ao Coto Ferreiro supoñerá un reencontro de vellos amigos e compañeiros de vestiario agora no organigrama do cadro técnico da entidade que preside José Manuel Reboredo. Xunto ao que fora adestrador de Reale Seguros, Irmáns Barbeito de Portonovo e Automoción A Junquera de Vilagarcía, aparecen nomes moi coñecidos da afección do A Estrada Futsal. Así, Marcos Sesar, o que fora adestrador do primeiro equipo ata a pasada tempada, pasa agora a dirixir ao conxunto feminino en sustitución de Manuti. Gonzalo Gómez, "Viru", encargarase de coordinar toda a base do equipo estradense, e estará acompañado por Rafael Vázquez, "Rafita", e César Coto. Dáse a circunstancia de que todos eles, a excepción, de Viru formaron parte algunha vez na súa vida do plantel do cadro do Coto Ferreiro.

   No comunicado oficial emitido onte polo A Estrada Futsal tamén se indica que non se descarta algunha incorporación máis no cadro técnico en función do número de equipos que se inscriban na base". Neste sentido, desde o club faise un chamamento a todos os afeccionados da Estrada para que inscriban aos máis pequenos e poder ampliar a canteira existente, ademais de seguir fomentado o fútbol base na vila.

(Faro de Vigo, 22/07/18)

Garabal adestrará a próxima tempada ao A Estrada Futsal

Marcos Sesar será o técnico das féminas e Viru o coordinador da base

Garabal

   O A Estrada Futsal xa completou o cadro técnico para a próxima tempada 2018-2019 trala incorporación do adestrador do primeiro equipo. Francisco Garabal, un vello coñecido da afección estradense do fútbol sala, farase cargo do conxunto de Terceira División. Colgou precisamente as botas no entón Reale Seguros da Estrada, adestrándoo ao ano seguinte. As rendas do equipo feminino sénior tomaraas Marcos Sesar, quen fora técnico do masculino durante as tres últimas tempadas. Releva no cargo a Manuti, que se desvincula do club estradense de fútbol sala. Mentres, como coordinador dos adestradores de base actuará Gonzalo Gómez "Viru", completando o plantel Rafael Vázquez Rafita e César Coto. A directiva que preside José Manuel Reboredo non descarta algunha incorporación máis ao cadro técnico en función do número de equipos que se inscriban na base.

   A directiva traballa xa na confección dos planteis, xa que en equipos como o masculino requírese cubrir baixas de xogadores que decidiron deixalo ao finalizar a pasada tempada, como Xulio, Rafa, César e Botel. Tamén no feminino tense que atopar recambios para Eva e Miriam Reboredo. Unha xunta que se renovou coa continuidade de Reboredo Baños como presidente, mentres o ex-xogador Rafa Vázquez exerce de vicepresidente deportivo e Javier García de vicepresidente económico; Juan Carlos García, tesoureiro; Manuel Bascuas, secretario; e os vogais Gonzalo Gómez, Luís Villaverde, Simón Ferreiro, Adán Goldar, Dani Brea, Mari Carmen Torres, Álex García e César Coto.

«Non falamos de ascenso, eu póñome retos». Garabal recoñecía onte tras anunciarse a súa fichaxe polo A Estrada Futsal que «foi fácil convencerme, non houbo problema, sempre estiven moi contento alí». Nun par de semanas de conversacións pechouse a súa incorporación como técnico en Terceira División. Na súa bagaxe como xogador, militou no Lobelle de Santiago, Reale Seguros da Estrada ou o tamén estradense América Archi. Retirouse novo, con 29 anos «porque tiña un xeonllo amolado» tralo ascenso do Reale de Primeira A, pero xa estaba en posesión do título de adestrador, collendo as rendas dese equipo durante unha tempada. Despois chegarían o Irmáns Barbeito de Portonovo ou Automoción A Junquera de Vilagarcía, compaxinando coas categorías de base do Cluny de Santiago. Continuará con ese labor no colexio compostelano tras asumir o banquiño do conxunto estradense de fútbol sala. Aos seus 42 anos, o Portonovo en Nacional, equivalente á Segunda B actual, foi a categoría máis alta onde adestrou. Agora farao en Terceira División, coincidindo ademais no seu novo club con algún compañeiro de cancha como Rafita, Reboredo ou Marcos Sesar. Respecto do persoal, coñece os contactos en marcha pola dirección deportiva para cubrir as baixas e encargarase de dar o beneplácito final. Pero será xa en pretempada e unha vez vexa as evolucións dos seus xogadores «cando poida suscitar a necesidade de apontoar algunha posición». Contará cun persoal de doce e tres fichas máis para integrantes do equipo xuvenil. Francisco Garabal recoñecía que lle gusta adestrador a promesas.

   Respecto de obxectivos, dixo que coa directiva «non falamos do ascenso, son eu quen me poño os meus propios retos». Pero tamén recoñecía que tras catro anos quedando segundos parece que toca de novo pelexar e romper ese maleficio, con título e ascenso a Segunda B. A pretempada salvo cambios no previsible calendario de liga comezará o día 20 de agosto, en torno a un mes antes do seu inicio. A Copa Xunta servirá de rodaxe xunto a algún amistoso. Garabal chega con moita ilusión a este novo proxecto deportivo e xa revisando datos de posibles rivais. Cre que na pelexa estarán de novo conxuntos como Pazos de Borbén ou o Culleredo.

(La Voz de Galicia, 22/07/2018).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect