A acta non recolle a prohibición do colexiado ao estradense Adrián Díaz
O club presenta alegacións por obviar o impedimento de deixarlle xogar portando lentes

CadeteA

Adrián Díaz, xunto a algún dos seus compañeiros. // Bernabé/Adrián Rei

   A acta do partido entre os cadetes do A Estrada Futsal e o Cotobadés non recolle a prohibición arbitral ao local Adrián Díaz por utilizar lentes. O feito caeu como un xerro de auga fría no A Estrada Futsal despois de que o incidente lle custase, por exemplo, a tarxeta vermella ao delegado do equipo cadete, como onte recordaba o seu presidente, José Manuel Reboredo. "presentamos as correspondentes alegacións ante o comité de competición porque a acta non recolle o que realmente sucedeu no terreo de xogo", explicou Reboredo. O mandatario do conxunto do Coto Ferreiro considera que non nos parece propio nin normal" a actitude do colexiado de Moraña encargado de dirixir o encontro. Ademais, Reboredo tamén indicou que xa fora tramitada diante do organismo federativo a autorización paterna para que Adrián poida xogar coas súas lentes homologadas. 

   O A Estrada Futsal remitiu o pasado luns á delegación de Pontevedra da Federación Galega de Fútbol Sala un escrito solicitando unha copia do acta do partido que o pasado sábado disputaron no Coto Ferreiro o seu equipo cadete e o Cotobadés. O colexiado da contenda negouse en rotundo a que o xogador local Adrián Díaz puidese participar no encontro por utilizar lentes, aínda que tanto os seus pais como os responsables da entidade aseguraron que o mozo utilizaba unhas lentes homologadas para a práctica deportiva. Tanto os directivos do A Estrada Futsal como os pais de Adrián Díaz consideran que o árbitro morañés do partido se excedeu na aplicación do regulamento posto que o cadete estradense nunca ata o pasado sábado tivera problema algún para poder competir. De feito, Reboredo recordou que o mozo xogara fai anos no Callobre, tamén con lentes, e "nunca ata agora lle puxeran problema algún". 

   No A Estrada Futsal están convencidos de ter razón e esperan que este incidente non se volva a repetir en ningunha cancha por motivos similares. Os dirixentes do equipo tamén confían en que as súas alegacións sexan atendidas polo comité de competición para poder levantarlle a sanción ao delegado do equipo cadete, que simplemente se limitou a recordarlle ao árbitro os termos do regulamento nos que se indica a posibilidade de xogar usando lentes homologadas.

(Faro de Vigo, 22/03/2017).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect