Polo camiño de baldosas amarelas
O Mimela-Inversia recibe ao A Pontenova na primeira final cara ao título

Adestramento

O equipo estradense afronta o tramo final de competición no liderato. // Bernabé/Cris M.V.

   O Mimela-Inversia A Estrada Futsal disputa hoxe un partido especial. Os estradenses deben dar o seu primeiro paso polo camiño de baldosas amarelas que os leva cara a un destino largamente desexado, o título de campión da Terceira División e a posibilidade de ascender a Segunda B. É o seu cuarto asalto ao título. Os tres anteriores terminaron mal. Neste algo parece diferente, xa que dependen de si mesmos para logralo.

   O A Estrada Futsal recibe ás 19.00 horas ao A Pontenova nun partido no que só lles vale a vitoria. Os estradenses mandan na clasificación da Terceira División a falta de catro xornadas para o final, pero só teñen un punto de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Pazos de Borbén. Para manter esa posición de privilexio, os de Marcos Sesar teñen que superar a un equipo que marcha na sexta posición e que a estas alturas da tempada xa non se xoga nada. 

   Malia a situación do seu rival, o A Estrada Futsal agarda un duro encontro ante un equipo que podería ter ganas de revancha. O pasado ano, os estradenses enfrontáronse a eles na última xornada. O A Pontenova necesitaba gañar ese partido para ser campión, pero os estradenses, que chegaban á última xornada sen opcións, terminaron gañando. "O ano pasado amolámoslles o ascenso na última xornada. Iso, unido ás amizades perigosas que teñen na Estrada pode facer que veñan máis motivados do normal na súa situación e con ganas de revancha", manifestou o adestrador estradense. 

   Sesar considera ademais que A Pontenova conta cun bo equipo que pode poñerlles as cousas moi difíciles. "Teñen o que posiblemente sexa o mellor porteiro da categoría, César. Ademais, contan con dous ou tres xogadores con moita calidade que poden facer dano con accións individuais si lles deixamos. Supoño que virán meterse atrás e a intentar aproveitar as súas armas á contra", afirmou. 

   Para o adestrador estradense con todo, o máis importante é o seu equipo e a súa capacidade a abstraerse da importancia dos puntos en xogo do cada vez máis próximo título de liga. "Temos que evitar caer na ansiedade", explicou o técnico. "Chegamos nun bo momento e xogamos na casa. Non podemos fallar, pero temos que saír concentrados coma se fose un partido máis. Si o logramos estaremos un paso máis preto do noso obxectivo. É necesario con todo que teñamos a cabeza limpa para non volvernos tolos si as cousas se torcen", argumentou o adestrador do Mimela-Inversia. 

   Neste partido os estradenses contarán coa baixa de Kinso, un home que posiblemente se perda o que resta de tempada. O xogador viña arrastrando dor nun xeonllo, unhas molestias que aumentaron nos últimos días. Segundo as probas realizadas podería sufrir unha rotura de menisco. Toño tamén é dúbida no equipo estradense polas súas molestias físicas, aínda que Sesar confiaba en que poida participar. 

  Tralo choque ante o A Pontenova, o Mimela-Inversia visitará a pista do Ribeira e posteriormente recibirá ao Carballiño. O seu último partido da tempada será o 15 de abril na pista do filial do Santiago Futsal. 

   O equipo feminino pola súa banda, o City Lift A Estrada, enfróntase hoxe a partir das 16.30 horas ao Bembrive como visitante. O equipo feminino B tamén xogará a domicilio. Farao a partir das 20.00 na pista do A Pena. Os equipos A e B cadetes serán os únicos da canteira que xogarán no Coto Ferreiro. Será hoxe ás 11.00 e 12.00 horas.

(Faro de Vigo, 25/03/2017).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect